AlbariñoTerra de Asorei
Queremos dialogar cos grandes viños do mundo, co noso Terra de Asorei, un albariño auténtico e honesto. O logo de Terra de Asorei é un poema simbólico de seis “A”: A Adega, Albariño, Auténtico, Arte Atlántica con Amor.
Asorei
Asorei elabórase con uva albariña 100% do Val do Salnés, procedente maioritariamente de pequenas plantacións de Cambados.
En Cambados, capital do Albariño, e do Salnés, non soamente se comezou a cultivar as cepas de albariño, senón tamén a catar, vender e comercializar este viño a partir de 1953. O albariño Asorei mantén esta fidelidade á tradición, o saber facer e apreciar a riqueza da uva albariña feita viño.
Seguindo a tradición adegueira e de cata de Cambados e do Val do Salnés, nas Rías Baixas, creamos este albariño, afroitado, saboroso e agradable ao padal do Concello de Cambados.
Terra de Asorei
Terra de Asorei elabórase con uva albariña 100% do Val do Salnés e durante 6 meses sobre as súas propias lías. Nos traballamos os viñedos coma o escultor traballa a pedra, talando con cinceladas de experiencia, ciencia, alma e humanidade para acadar arte feita viño: Terra de Asorei. Cambados, capital do Albariño, é terra de grandes escultores que levaron a pedra e a madeira galega a formar parte do diálogo universal da arte, coma nós queremos presentar a autenticidade do albariño Terra de Asorei para entrar en diálogo cos grandes viños do mundo.
Terra de Asorei Selección Privada
As características da uva albariña do Val do Salnés da colleita 2021 permitiunos acadar ese equilibrio elegante e complexidade en boca, partindo dunha boa acidez, do traballo de battonage e do contacto coas súas lías durante 12 meses. Despois dun repouso en botella, sae ó mercado en xuño de 2023, 6.666 botellas numeradas.
O albariño Terra de Asorei Selección Privada simboliza a irmanda familiar da nosa adega, a súa tradición e innovación que nos vai permitir gozar dunha experiencia chea de matices organolépticos.
Con paciencia e dedicación, Lino Domínguez, Vicepresidente de Adegas Terra de Asorei, e Sofía Vilanova, Responsable de Enoloxía e Elaboración, coidan esta Selección Privada de Terra de Asorei.
Xosé Ramón Durán - Roque, Presidente de Adegas Terra de Asorei, foi a persoa que propuxo no Pleno do Consello Regulador Rías Baixas un novo concurso para honrar e poñer en valor a tradición dos albariños embotellados despois de 12 meses de elaboración, que permite evolucionar ó albariño en matices cos anos.
Espadeiro Terra de Asorei
O espadeiro é unha das uvas senlleiras de Galicia. Adegas Terra de Asorei aposta pola recuperación desta cepa tradicional do Val do Salnés. Cunha produción limitada de 2.533 botellas da colleita 2021 e cepas de mais de 50 anos en Cambados e Padrenda-Meaño.
É o viño tinto do país, “a sangue do corazón da nosa terra”, como dicía o poeta Ramón Cabanillas no seu poema de 1.917 “Diante dunha cunca de viño espadeiro”, que o identificaba como “viño Celta e propio da alma galega”.
Dende o século XVIII o espadeiro foi a variedade de referencia no Val do Salnés, gozaba de calidade e prestixio, e de gran sona e ascendencia no mundo campesiño, científico e gastronómico. Sen grandes cantidades, había mais espadeiro que albariño. Mais a partir de 1.960 entrou en decadencia pola súa baixa produción e dificultade no seu coidado e elaboración.
Dende Terra de Asorei mostramos o noso compromiso coa diversidade vitivinícola e lealdade á tradición recuperando un dos grandes viños galegos. É unha aposta pola modernización, aplicando os novos coñecementos e técnicas de vinificación do Século XXI, para elaborar un auténtico e elegante espadeiro.
Brut Terra de Asorei
O Brut Terra de Asorei é a explosión elegante das burbullas da uva albariña. Nel podemos recoñecer unha elaboración 100% con uva albariña do Val do Salnés das Rías Baixas e cun tempo de rima nas súas lías duns 18 meses. É a nosa brincadeira aposta dende Galicia por un escumoso de calidade, que segue o tradicional método champenoise. A calidade, o zume e acidez das primeiras uvas albariñas da colleita son a base deste brut que agarda ser descuberto.
Brut Nature Terra de Asorei
O Brut Nature Terra de Asorei representa a fidelidade á uva albariña, mediante pequenas burbullas que expresan a autenticidade e frescor do albariño. Con este escumoso de uva 100% albariña do Val do Salnés das Rías Baixas, obtemos durante uns 24 meses en rima nas súas lías, a máxima expresión dun escumoso de albariño. Brut Nature Terra Asorei é un escumoso de calidade, procedente das primeiras uvas albariñas obtidas da colleita e seguindo o método de elaboración tradicional champenoise. A calidade e a fidelidade á uva albariña do noso Nature sorprenderán a aqueles padais ávidos por descubrir novas experiencias vinícolas.
O logo de Terra de Asorei é un poema simbólico, constituído por seis “A”
VAL DO SALNÉSA Nosa Adega
Adegas Terra de Asorei está equipada coa última innovación en tecnoloxía e conta cunha capacidade inicial de elaboración dunhas 400.000 botellas ó ano. Nas nosas 60 hectáreas de viñedos no Val do Salnés, na Denominación de Orixe Rías Baixas en Galicia, cunha idade de 80 a 20 anos, cultivamos uva albariña con experiencia, ciencia e humanidade.
Dispoñer dos nosos propios viñedos significa que podemos controlar a Calidade do noso albariño dende a orixe: a terra, as cepas e as uvas, ata o seu coidado durante todo o ano, a elaboración na nosa adega, ata a súa comercialización.
Todo este proceso é xestionado con un software especializado para o seguimento da trazabilidade, o cal nos permite crear as nosas tres liñas de albariño: Terra de Asorei, Nai e 1953 Pazo Torrado.
Hoxe os nosos albariños están presentes dende EEUU (Florida, California, Nova York, Chicago…), Xapón, Inglaterra, Holanda, Bélxica, Irlanda, Alemaña, Escocia, Noruega, Suecia, Rusia, Brasil...